icono URBOTOPIAS bco
URBtopias by La Marela

RECOMPOÑER A FORMA URBANA. A INCIDENCIA DO ESPAZO PÚBLICO

21 de outubro - 19.00 h
Edificio Castelao, Pontevedra
Diálogo entre Francisco Mangado, arquitecto e impulsor da Fundación Arquitectura y Sociedad; Joan Clos, ex-Director executivo de ONU Hábitat e presidente de AGORA, The New Urban Conversation e Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra; sobre a incidencia do espazo público na composición da forma urbana. Encontro moderado pola Directora Corporativa do Diario Público, Ana Pardo de Vera.

>>>FRANCISCO MANGADO

Francisco Mangado

Arquitecto pola Escola Superior de Arquitectura da Universidad de Navarra, onde é profesor desde 1982. Foi profesor convidado na Graduate School of Design da Harvard UniversityAero Saarinen Visiting Professor na Yale Universty, profesor convidado na EPF Escola Politécnica de Lausana, Baird and Gensler profesor convidado na Cornell University e profesor convidado no Politécnico de Milán.

Entre os seus traballos destacan o Pazo de Congresos e Auditorio de Pamplona “Baluarte”, o Museo de Arqueoloxía de Vitoria, o Pavillón de España para a Exposición Internacional Zaragoza 2008, o Museo BBAA de Asturias en Oviedo e os recentemente inaugurados Pazo de Congresos de Palma de Mallorca e o Edificio da Nova Sede de Norvento Enerxía en Lugo. Actualmente desenvolve a súa actividade en varios países. Grazas a este labor profesional recibiu entre outros, o Premio de Arquitectura Andrea Palladio, o FAD de Arquitectura, o premio da CEOE, o premio Construmat de Arquitectura, o premio de Arquitectura Fernando García Mercadal, o premio de Arquitectura de Asturias, a medalla de ouro Giancarlo Ius outorgada pola Unión Internacional de Arquitectos, o Premio Copper en Arquitectura, o premio RIBA EU, o Premio de Arquitectura Española 2009 polo Pavillón de España para a Expo 2008 e o RIBA for International Excelence. En 2017 a sede do Edificio Norvento recibe o International Prize for Sustainable Architecture Fassa Bortolo: Medalla de Prata así como o American Architecture Prize 2017 na categoría Architectural Design/Other Architecture. Recentemente concedéuselle o Premio de Arquitectura Española 2017 polo Pazo de Congresos e Hotel de Palma.

En 2011 foi nomeado “International Fellow” do Institute of British Architects, RIBA e en 2013 membro honorario do American Institute of Architects, AIA . En 2016 a Academia das Artes de Berlín concédelle o Premio Berlin Art Prize-Architecture 2017 en recoñecemento ao seu traballo.

En 2008 fundou a Fundación Arquitectura y Sociedad, a cal recibiu a medalla de ouro Consejo Superior de Colegios de Arquitectos de España, CSCAE 2015. En xullo de 2015 foi nomeado Coordinador Xeral de Bienais e baixo a súa coordinación foille concedido ao Pavillón de España o León de Ouro da Bienal de Venecia en maio de 2016.

http://www.fmangado.es

http://arquitecturaysociedad.com

>>>JOAN CLOS

Joan Clos

Subsecretario Xeral da ONU e Director Executivo de ONU-Hábitat (2010-2017), o programa das Nacións Unidas responsable da promoción de cidades sostibles, resilientes e prósperas. Durante o seu mandato, liderou a elaboración da Nova Axenda Urbana e foi nomeado Secretario Xeral da Conferencia Hábitat III.

Médico cunha distinguida carreira no servizo público e a diplomacia. Graduouse en medicina pola Universidade Autónoma de Barcelona, posteriormente especializouse en Saúde Pública e Epidemioloxía na Universidade de Edimburgo e incorporouse ao goberno municipal de Barcelona como Director de Saúde Pública, en 1979. Foi elixido dúas veces alcalde de Barcelona, desde 1997 ata 2006, logo de ter sido concelleiro da cidade entre 1983 e 1987, e tenente de alcalde de finanzas e orzamento xogando un papel clave na preparación dos Xogos Olímpicos de Barcelona en 1992.

Na súa época de alcalde recibiu varios premios, incluíndo a medalla de ouro do Royal Institute of British Architects en 1999 pola transformación de Barcelona e, en 2002, o Premio de Honra de ONU-Hábitat pola promoción da cooperación global entre as autoridades locais e as Nacións Unidas. Antes de unirse ás Nacións Unidas, entre 2006 e 2008 foi Ministro de Industria, Turismo e Comercio de España e de 2008 a 2010 Embaixador Español en Turquía e Acerbaixán.
No 2016, recibiu a medalla Jane Jacobs da Fundación Rockefeller en recoñecemento ao seu liderado no impulso da Nova Axenda Urbana.

Actualmente é presidente de AGORA, The New Urban Conversation, asociación sen ánimo de lucro que ten a misión de xerar sinerxías entre os actores públicos e privados que traballan para o desenvolvemento urbano sostible no marco dos valores da Nova Axenda Urbana e os ODS das Nacións Unidas.

https://www.theurbanagora.com

>>>MIGUEL ANXO FERNÁNDEZ LORES

Miguel Fdez Lores

Licenciado en Medicina pola Universidade de Santiago de Compostela, exerceu a súa profesión especialmente en Pontevedra, no Centro de Atención Ambulatoria Virxe Peregrina, logo de ter traballado en Mosteiro e Samos (Lugo), onde se iniciou na política como concelleiro do BNG. Nas eleccións de 1987 foi o único concelleiro electo do BNG en Pontevedra, que continuou aumentando os seus apoios ata que en 1999 asumiu a alcaldía da cidade, cargo no que permanece na actualidade.

Baixo o seu goberno a cidade recibiu numerosos premios, entre os que destacan INTERMODES 2013, pola súa política exemplar de mobilidade intermodal, LEATHERSHIP IN ACTIVE DESIGN do Center for Active Design de Nova York, polo deseño urbano pioneiro centrado nas persoas, ao tempo que promove estilos de vida saudables, ou o ONU HABITAT, outorgado ás boas prácticas para mellorar as condicións de vida das persoas.

https://www.pontevedra.gal

>>>ANA PARDO DE VERA

Ana Pardo de Vera

Licenciada en Filoloxía Hispánica e máster en Medios de Comunicación, Ana Pardo de Vera é directora corporativa e de relacións institucionais do diario Público. En 2007 participou na fundación deste xornal, que dirixiu desde 2016 ata 2019. Antes traballou noutros medios como ‘La Voz de Galicia’, ‘Diario Sur’, ‘Tiempo’ ou ‘Diario 16’, entre outras cabeceiras, e actualmente colabora tamén con RTVE, Mediaset, Telemadrid, TV3, Catalunya Ràdio ou EiTB. Durante os gobernos de José Luis Rodríguez Zapatero foi asesora de comunicación nos Ministerios de Defensa, Turismo e Vicepresidencia de Política Territorial. En 2013 publicou o libro En la maleta de Zapatero (Libros.com), unha crónica das viaxes do expresidente do Goberno do Estado e os seus encontros con outros líderes políticos. Tamén é coautora de La armadura del rey (Roca Editorial e en catalán, Ara Llibres), publicado en 2021 xunto aos tamén xornalistas Eider Hurtado e Albert Calatrava.

www.publico.es

Compartir: