As cidades posibles
27 out
19.00 h
Diálogo entre Teresa Táboas, arquitecta e membro do Consello da Unión Internacional de Arquitectos (UIA) e Ramón Marrades, economista urbano e Director de Placemaking Europe, sobre a recuperación do espazo público e as novas formas de habitar as cidades para garantir a saúde, o benestar e o compromiso na acción contra o cambio climático, logo da pandemia da COVID 19. Encontro moderado pola xornalista Susana Regueira.
Doutora Arquitecta pola Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña. Colaborou seis anos no estudo do arquitecto César Portela Fernández-Jardón.
Dende o seu despacho profesional ten desenvolvido numerosos proxectos de Edificación e Urbanismo.
Foi elixida no ano 2003 Decana-Presidenta do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, sendo a primeira muller en acceder ao cargo. Exerceu tamén como Vicepresidenta do Instituto Tecnolóxico de Galicia e Conselleira Titular do Consejo Superior de los Colegios de Arquitectos de España CSCAE. Formou parte tamén das comisións Urban Issues e Environment Sustainable Architecture do Consello de Arquitectos de Europa en representación do Consejo Superior de los Colegios de Arquitectos de España, CSCAE e foi Presidenta da Comisión de Vivenda do Consello de Arquitectos de Europa.
Membro do Goberno Galego como Conselleira de Vivenda e Solo na VII Lexislatura 2005-2009 foi tamén Deputada no Parlamento de Galicia na VIII Lexislatura 2009 – 2012.
Convidada como xurado en numerosos concursos de arquitectura, entre outros o Premio Nacional de Arquitectura de España na súa convocatoria de 2003, ten impartido numerosas conferencias en diversas institucións e universidades.
En xullo de 2021 foi elixida membro do Consello da Unión Internacional de Arquitectos (UIA) na 28ª Asemblea Xeral desta organización, a candidatura foi presentada e defendida polo Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España. (CSCAE).
Economista urbano, escritor e activista apaixonado das persoas e dos lugares. Actualmente é director de Placemaking Europe e asesor de estratexia para varias cidades e proxectos de desenvolvemento a gran escala. É impulsor de AfterCovid.City, unha iniciativa e festival en liña organizado por Placemaking Europe e o Ajuntament de Barcelona, que ten por obxectivo recuperar o papel das cidades, dos lugares e das persoas para configurar un mundo postcovid mellor.
Exerceu como director xefe de estratexia e finanzas en La Marina de València, a axencia de remodelación do paseo marítimo da cidade e foi membro do consello da Rede Mundial de Cidades Portuarias (AIVP). É coeditor do libro “Our City? Countering Exclusion in Public Space” (2019) e anfitrión e co-comisario da Placemaking Week Europe 2019. O seu traballo céntrase na interrelación entre o espazo público e o desenvolvemento económico.
Licenciada en Xornalismo pola Universidad Complutense de Madrid. Exerce o xornalismo dende moi nova en medios como El Correo Gallego e en 1993 incorporouse á redacción de Faro de Vigo, onde escribe contidos de Sociedade e Cultura. Publica en diversos medios como El Periódico de Catalunya e colaborou con revistas como Viajes de National Geographic.
Foi a autora dos textos e o recitado da ópera contemporánea Voci vicine, partitura do compositor italiano Fabio Cifariello Ciardi (Roma, 1960) cun enfoque que procura amplificar a voz do pobo italiano e, neste caso, galego, e que estreou en 2016 coa orquestra sueca Kammerensemble no marco do Festival Internacional de Creación Musical Contemporánea Vertixe Sonora.
En Pontevedra queremos ser punto de ENCONTRO, DEBATE e REFLEXIÓN sobre o futuro dos espazos que habitamos e converter as nosas URBTOPÍAS en CIDADES POSIBLES.