icono URBOTOPIAS bco
foto destacada ENCONTROS 1

PAISAXE SONORA E CIDADE. REPENSAR O ESPAZO URBANO A TRAVÉS DA ESCOITA

Mércores, 12 de abril - 19.00 h
Igrexa do Convento de Santa Clara
Diálogo entre Jean-Paul Thibaud, sociólogo, doutor en Urbanismo e Desenvolvemento e investigador no CRESSON (Centro de Investigación sobre o Espazo Sónico e o Medio Ambiente Urbano) da Escola Superior de Arquitectura da universidade francesa de Grenoble e fundador de AMBIANCES, rede internacional que ten por obxectivo a investigación de ambientes arquitectónicos e urbanos; Xoán-Xil López, doutor en Belas Artes, musicólogo, artista sonoro e investigador e Luís López Alonso, membro do grupo de investigación GRADES (Gramática, Discurso e Sociedade), investigador e profesor en formación no Departamento de Tradución e Lingüística Xeral na Universidade de Vigo; sobre o Espazo Sónico e o Medio Ambiente Urbano. Encontro moderado pola xornalista Carolina Neira.

Jean-Paul Thibaud

jean paul thibaud

Sociólogo e doutor en Urbanismo e Desenvolvemento. Investigador sénior honorario do CNRS no CRESSON – Centro de Investigación sobre o Espazo Sónico e o Medio Ambiente Urbano da Universidade de Grenoble. O seu campo de investigación abrangue a teoría dos ambientes urbanos, a percepción ordinaria no medio urbano, a etnografía sensorial de lugares públicos, a antropoloxía dos sons e a metodoloxía cualitativa in situ. Dirixiu o laboratorio de investigación CRESSON, fundou a International Ambiances Network e dirixiu o proxecto de investigación SENSIBILIA.


Xoán-Xil López

xoan xil lopez

Artista sonoro e investigador. O seu traballo xira arredor da práctica fonográfica (gravación de campo) e da experimentación sonora adquirindo a forma de instalacións, situacións inmersivas de escoita, composicións, performances e textos. Estudou musicoloxía e doutorouse en Belas Artes coa Tese Sinal/Ruído. Algúns usos da paisaxe sonora no contexto da arte, centrada na utilización dos sons ambientais na creación contemporánea.

Forma parte dos proxectos Mediateletipos (arte sonora), Ulobit (improvisación) e Voltage Opposite (danza) e colabora con diferentes formacións como o Ensemble de música contemporánea Vertixe Sonora, a compañía Gigacircus ou a proposta de música electrónica Haarvöl.

É un dos cofundadores de Escoitar.org, colectivo interdisciplinar dedicado ao estudo da paisaxe sonora e a auralidade (dimensión cultural da escoita), que estivo activo dende 2006 a 2016.

O seu traballo Organscape foi galardoado cunha Mención Honorífica nos Prix Ars Electronica 2021 dentro da categoría de Digital Musics & Sound Art.

Impartiu obradoiros, seminarios e conferencias sobre arte sonora e gravación de campo en universidades de varios países e comisariou o ciclo de conferencias e obradoiros “Arredor do Son”, a exposición “Diafonías. 6 Instalacións Sonoras 1”, o encontro sobre paisaxe sonora “Cartografías de Escoita. Son e lugar” e o ciclo de cine “Audivisións”. Dende 2014 codirixe o festival de arte sonora e música contemporánea “Sons Creativos” da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Participou na redacción/coordinación de contidos para a publicación sobre arte sonora en España MASE, para o Encontro Internacional de Creación “Sensxperiment” ou para o proxecto europeo de investigación sobre memoria e escoita European Acoustic Heritage (EAH) e colaborou coa Radio do Museo de arte Reina Sofía (MNCARS).

Recentemente publicou O Abellón, libro que partindo dun enfoque artístico/antropolóxico estuda o mundo das abellas, os bordóns e algunhas prácticas rituais en Galicia. Compuxo ademais unha serie para órgano e unha instalación sonora por encargo do festival “De lugares e Órganos” e entre 2020 e 2021 levou a cabo unha residencia artística en Medialab-Prado para producir Krystallos, instalación audiovisual multicanle que xunto a Frautas Esquecidas e Cinza formaron parte do festival internacional de arte sonoro IN-SONORA. A súa creación electroacústica Ortegal foi incluída na exposición “Audiosphere. Sound Experimentation 1980-2020 (MNCARS)” e participou tamén na mostra ECHO coa instalación Organismo dentro do festival internacional Schlossmediale 2022 en Werdenberg (Suiza).


Luís López Alonso

luis lopez alonso

Licenciado en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela, obtivo o grao en Ciencias da Linguaxe e o mestrado en Lingüística aplicada pola Universidade de Vigo.

Membro do grupo de investigación GRADES (Gramática, Discurso e Sociedade), traballa como investigador e profesor en formación no Departamento de Tradución e Lingüística Xeral na Universidade de Vigo. O seu interese como lingüista está centrado, especialmente, na sociolingüística crítica e na minoración e a diversidade lingüísticas e céntrase na situación do galego como lingua minorizada e as súas particularidades (o conflito lingüístico, o neofalantismo, etc…) dende unha focaxe política.

Ademais, tamén está interesado na relación entre a(s) linguaxe(s) e a arte, especialmente, a poesía, disciplina á que se dedica como investigador (v.g. «Nomes e homes nun feixe de beleza» en Figuras masculinas de meio-corpo [Chan da pólvora, 2020]) e tamén como creador.

Como poeta, cómpre salientar, entre outras obras, Presal (Xerais e UVigo, 2019) e Salífero (Urutau, 2020), ademais da peza efémera multidisciplinar baseada neste último poemario e creada en colaboración co fotógrafo e artista visual Rafael Mallo, Salífero opus #. Dentro das obras poéticas colectivas, Lupercais (Unha antoloxía posible) (Chan da pólvora, 2023) é a súa última e recente colaboración.

Como escritor doutros xéneros, foi o creador da serie para TV Cocorico producida pola Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) e OQO Filmes e o guionista das súas dúas tempadas. Tamén destaca a súa colaboración no libro A lingua no 2050 (Catro Ventos, 2021).


MODERA: Carolina Neira

carolina neira

Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Fixo as prácticas curriculares na Cadena Ser en Santiago e de seguido, incorporouse ao Diario de Pontevedra, onde estivo preto de tres anos, primeiro na redacción central e logo como responsable da Delegación de Marín – O Morrazo

Máis tarde sumouse ao Gabinete de Comunicación de Nutribiótica SL e actualmente compaxina o seu traballo como responsable dos gabinetes de comunicación do Concello de Marín e do Concello de Moraña, co de creadora de contidos en Nutribiótica SL e con outros proxectos puntuais.

É creadora de artigos para blogs de marcas e empresas para fomentar o seu posicionamiento dixital e redactora de discursos. Realizou crónicas e reportaxes literarios, relacionados coa crítica e a análise de textos, e participou na primeira edición do Obradoiro de Novela da Cidade da Cultura, organizado pola Xunta de Galicia. Participa asiduamente en actividades relacionadas coa creación literaria entre as que se atopan os recitais de Poesía e Microrrelato de
Pontevedra. Actualmente é alumna do curso de “Escribir poesía” da Escola de Escritores.

Revisou e asesorou na redacción de libros de ensaio de ámbito científico, que necesitaban un apoio para reconverter o seu contido cara a divulgación ao gran público.
amediavozweb.wordpress.com


MEDIATECA


Compartir: