David Sim
Con preto de 20 traducións ata a data, o seu libro Soft City consolidouno como un líder de pensamento na planificación da habitabilidade urbana e da sustentabilidade.
Aínda que comezou os seus estudos de arquitectura en Escocia, axiña se trasladou a Escandinavia para completar a súa educación, logo de escoitar as conferencias de Jan Gehl. Despois dunha prolífica carreira como profesor de arquitectura na Universidade de Lund en Suecia, onde recibiu o premio “O profesor do ano” nomeado polos estudantes, pasou 17 anos na coñecida práctica de planificación urbana Gehl, sobre todo como director creativo, vendo medrar o proxecto ata converterse nunha marca mundial con oficinas en Copenhague, Nova York e San Francisco.
David Sim conta cunha impresionante carteira de clientes, liderando persoalmente plans, estratexias urbanas e traballos de deseño en todo o mundo, dende as Highlands de Escocia ata os lagos da Patagonia, dende os suburbios de Melbourne ata o centro de Toquio, dende atopar novas formas de construír tendas IKEA ata reconstruír Christchurch despois do devastador terremoto de 2011.
En 2023 funda xunto a Ola Gustafsson e Nina Otrén, Softer, consultora que une a súa experiencia e paixón polo desenvolvemento urbano, os procesos colaborativos e a cocreación, co obxectivo de elaborar estratexias e deseños altamente profesionais para pequenos e grandes proxectos urbanos.
Ola Gustafsson
Arquitecto e urbanista con ampla experiencia en proxectos urbanísticos complexos en todo o mundo que poñen o foco na dimensión humana da planificación, tanto na análise como na estratexia, así como no deseño e nos procesos colaborativos.
Traballou en Gehl Architecs en Copenhague como arquitecto, director de proxectos e xefe de equipo, tanto para os equipos estratéxicos como de deseño, contribuíndo ao desenvolvemento xeral de Gehl como líder mundial no campo da planificación e deseño orientados ao ser humano.
Aplicando a metodoloxía de Jan Gehl para analizar e elaborar estratexias arredor da relación entre a vida, os espazos e os edificios nas cidades, traballou nunha ampla gama de urbes, principalmente en Escandinavia, Alemaña, América do Sur e China tendo como obxectivo mellorar a vida cotiá nas vilas e cidades estimulando o sentimento de pertenza da cidadanía e fomentando a interacción social nos espazos urbanos.
En 2023 funda xunto a David Sim e Nina Otrén, Softer, consultora que une a súa experiencia e paixón polo desenvolvemento urbano, os procesos colaborativos e a cocreación, co obxectivo de elaborar estratexias e deseños altamente profesionais para pequenos e grandes proxectos urbanos.
Teresa Táboas
Doutora Arquitecta pola Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña. Colaborou seis anos no estudo do arquitecto César Portela Fernández-Jardón.
Dende o seu despacho profesional desenvolveu numerosos proxectos de Edificación e Urbanismo.
Foi elixida no ano 2003 Decana-Presidenta do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, sendo a primeira muller en acceder ao cargo. Exerceu tamén como Vicepresidenta do Instituto Tecnolóxico de Galicia e Conselleira Titular no Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España (CSCAE). Formou parte tamén das comisións Urban Issues e Environment Sustainable Architecture do Consello de Arquitectos de Europa en representación do Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España (CSCAE) e foi Presidenta da Comisión de Vivenda do Consello de Arquitectos de Europa.
Membro do Goberno Galego como Conselleira de Vivenda e Solo na VII Lexislatura 2005-2009 foi tamén Deputada no Parlamento de Galicia na VIII Lexislatura 2009-2012.
Convidada como xurado en numerosos concursos de arquitectura, entre outros o Premio Nacional de Arquitectura de España na súa convocatoria de 2003, ten impartido numerosas conferencias en diversas institucións e universidades.
En xullo de 2021 foi elixida membro do Consello da Unión Internacional de Arquitectos (UIA) na 28ª Asemblea Xeral desta organización, a candidatura foi presentada e defendida polo Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España (CSCAE).
Miguel Anxo Fernández Lores
Licenciado en Medicina pola Universidade de Santiago de Compostela, exerceu a súa profesión especialmente en Pontevedra, no Centro de Atención Ambulatoria Virxe Peregrina, logo de traballar en Mosteiro e Samos (Lugo), onde se iniciou na política como concelleiro do BNG. Nas eleccións de 1987 foi o único concelleiro electo do BNG en Pontevedra, que continuou aumentando os seus apoios ata que en 1999 asumiu a alcaldía da cidade, cargo no que permanece na actualidade.
Baixo o seu goberno a cidade recibiu numerosos premios, entre os que destacan INTERMODES 2013, pola súa política exemplar de mobilidade intermodal, LEATHERSHIP IN ACTIVE DESIGN do Center for Active Design de Nova York, polo deseño urbano pioneiro centrado nas persoas, ao tempo que promove estilos de vida saudables, ou o ONU HABITAT, outorgado ás boas prácticas para mellorar as condicións de vida das persoas.
MODERA: Fernando González ‘Gonzo’
Licenciado en xornalismo. Iniciou a súa carreira profesional no ano 2000 en Radio Nacional de España (RNE) en Galicia. Tras unha breve experiencia no centro territorial de Televisión Española (TVE) en Galicia, en 2005 móvese a Madrid para traballar como reporteiro no programa “Caiga quien caiga” (CQC).
Dende entón traballou como presentador ou reporteiro en “El método Gonzo” de Antena 3, “A caixa negra” de Televisión de Galicia (TVG), “El Intermedio” e, actualmente, en “Salvados” en La Sexta. Tamén dirixiu e presentou varios documentais para televisión (Operación Caídos; San Briz, el ángel de Budapest; Detrás del muro ou Expediente Palomares).
É autor dos libros Todo por mi país e Mis fronteras.